Publicado por: MontePituco | 13/10/2010

ESTAMPAS DE OUTONO NO NOSO MONTE

EIQUÍ SERÁ

  Quero morrer eiquí (cando me chegue

  a hora da viaxe que me agarda).

  Eiquí, neste silencio

  de pombas arruladas,

  niste vento que dorme nos piñeiros

  un profundo sono de arelanzas.

  Quero morrer eiquí cos ollos postos

  no fumegar das tellas, na borralla

  do tempo, frente a frente

  de min, aberta a ialma

  aos latexos das horas, nunha tarde

  ateigada de arpas.

  Van e veñen as nubes viaxeiras,

  as anduriñas pasan.

  O pandeiro da chuvia

  repinica unha maina

  melodía de outono,

  que no roncón do río se acompasa.

  Quero morrer eiquí. Ser sementado

  nesta miña bisbarra.

  Finar eiquí o meu cansancio acedo,

  pousar eiquí pra sempre as miñas azas.

       (Celso Emilio Ferreiro)

 


Deixar un comentario

Categorías