
Non quixemos faltar, porque O MONTE PITUCO (PORNEDO) NON SE VENDE, porque “Galiza non se vende”. Percorremos asfalto e adoquíns polas rúas de Compostela berrando contra a especulación, contra a xestión irracional do territorio, contra o estrago dos nosos espazos naturais, contra a destrución do noso patrimonio. Estabamos dos catro puntos cardinais, da Galicia costeira e da interior, do rural e do medio urbano. Mesturados nesta causa solidaria, DEFENDE O MONTE PITUCO e outros colectivos marinenses: Colectivo Nacionalista, Asociación Cultural Almuinha, Asociación de Veciños de San Xulián.
…A CONTINUACIÓN, UNS FRAGMENTOS DO MANIFESTO…



“…Un modelo que depreda o territorio, en lugar de ordenalo, coidalo e protexelo. A Ordenación Territorial non existe no País. Galicia carece de Directrices de Ordenación do Territorio despois de catorce anos de tramitación e oito anos de redacción. Mentres tanto, redáctanse, tramítanse e apróbanse multitude de plans e proxectos. Sen Directrices, sen unha Avaliación Ambiental digna de tal nome e sen democracia participativa”.



“…No medio deste caos, o noso litoral vólvese pór a disposición das construtoras para o seu grande negocio especulativo. As nosas rías seguen acumulando recheos, portos deportivos e naves industriais en primeira liña de costa. A contaminación nas rías acada uns niveis alarmantes, como consecuencia do caos urbanístico, da mala xestión dos portos, da mala ou nula depuración das augas residuais e da desidia e o abandono xeral, e isto está acabando coa súa riqueza e a súa biodiversidade”.


“… Courel, a Terra Cha, e tantos outros lugares da nosa xeografía, seguen desangrándose polas empresas louseiras e mineiras e pola política forestal que segue a fomentar os monocultivos de especies alóctonas e invasoras que ano tras ano sementan o país de incendios”.



“…O urbanismo caótico e depredador crea cidades inhabitábeis en función dos intereses económicos e non das necesidades de vivenda. E aínda se pretende espallar ese caos polas comarcas, creando suburbios dormitorio ou de segunda residencia e un exceso de solo industrial desorbitado e inxustificable. Este conxunto de desatinos sobrepasa a capacidade real de habitabilidade e funcionalidade desas localidades, deteriorando o seu territorio, mermando os seus recursos e destruíndo a súa identidade”.



“…E mentres tanto, as nosas vilas languidecen. A maioría delas carecen aínda de plans de ordenación urbana e a rehabilitación dos núcleos históricos segue sendo unha tarefa pendente”.




“…Mentres tanto, asistimos ao desmantelamento programado do marisqueo e da pesca de baixura tradicionais, sistemas que ao longo de miles de anos demostraron a sostibilidade da explotación deses recursos, que foron e son fundamentais para garantir a nosa soberanía alimentaria, que constitúen un tecido económico e social do que viven miles de familias”.




“…Lonxe de buscar a autosuficiencia enerxética ante a inevitable crise final do petróleo, os recursos eólicos e hidráulicos, os montes e os ríos de Galiza, entréganse a empresas foráneas a cambio de nada, e nada se fai por racionalizar e reducir o desorbitado nivel de consumo de enerxía que agrava a nosa dependencia”.




“…O urbanismo disperso fomenta a mobilidade. As vías de alta capacidade, que proliferan irracional e innecesariamente, fragmentan e destrúen o territorio, e acrecentan o beneficio das grandes empresas construtoras. O transporte privado, contaminante e insustentable, agrava a nosa dependencia do petróleo”.


“…É o tempo de esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión que lle afectan directamente. É hora de que se teña en conta aos colectivos sociais e á cidadanía”.



LIGAZÓNS:
Galiza non se vende: http://galizanonsevende.org
A ría non se vende: http://arianonsevende.nireblog.com
Bouzas Móvete: http://www.bouzasmovete.org
Agrupaçom de Montanha Augas Limpas: http://www.aguaslimpas.blogspot.com
Ceivar: http://www.ceivar.org
Amigos da Terra: http://www.amigosdaterra.net
Verdegaia: http://www.verdegaia.org
Asociación pola Defensa do Parque Rosalía: http://www.parquerosalia.es
A Gentalha do Pichel: http://agal-gz.org/blogues/index.php/gent
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol: http://comitecidadan.org
Foro Social de Cangas: http://www.cangasnonsevende.org
SOS Courel: http://soscourel.blogspot.com
Salvemos o Salgueirón: http://salvemososalgueiron.blogaliza.org
Salva o Tren: http://salvaotren.netai.net
Sindicato Labrego Galego: http://www.sindicatolabrego.com
Esquerda Unida: http://www.esquerdaunida.org
Defendendo as praias: http://defendendoaspraias.wordpress.com



[…] “O MONTE PITUCO (PORNEDO) NON SE VENDE!” […]
By: EN COMPOSTELA, CONTRA O SAQUEO DA TERRA « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 09/05/2011
at 17:13