A semana pasada fomos invitados a participar na iniciativa #ChallengeOnNaturePhotography, que se desenvolve a través das redes sociais. Trátase dunha acción colectiva a prol da conservación da natureza, a través da difusión de imaxes vencelladas a espazos naturais e a especies de fauna e flora de todo o mundo, para reivindicar a súa protección. Así, ao longo de sete días, DEFENDE O MONTE PITUCO asomouse a esta fiestra virtual para amosar paisaxes, plantas e animais deste espazo ameazado polo proxecto de construcción dun polígono industrial.
Seguen a continuación as imaxes elixidas para o reto, con cadanseu comentario explicativo:
Día 1: panorámica dende o miradoiro do Pornedo
Quen subscribe estas liñas non é naturalista, nin ten titulación en bioloxía, nin é especialista en fauna, nin en botánica, nin en xeoloxía… Pero ten ollos na cara, sente o azoute do vento, tense calado ata os ósos nun día de temporal no Monte Pituto (ou Pornedo, polo seu topónimo tradicional). E cando quen subscribe estas liñas soubo que había uns políticos de medio pelo que querían construír un polígono industrial neste fermoso ‘balcón da ría’, mobilizouse, comezou a ler, a preguntar e a aprender (un pouco) sobre fauna, flora, arqueoloxía, historia, ata topografía! E nesas estamos, case sete anos despois… como pasa o tempo!
Fixemos moitos amigos, algúns dos cales xa nos deixaron para sempre, aínda que permanecen no noso corazón. Fixemos tamén moitos inimigos. E fixemos posible algo moi importante: que moita xente de Marín, de Pontevedra, do Morrazo, da provincia e mesmo doutros puntos de Galicia, coñecera ou redescubrira este espazo. Por iso, esta primeira imaxe é a vista fabulosa que vemos dende o miradoiro. Esa panorámica que fotografamos ducias, centos (non sei se milleiros) de veces. A que repetimos ciclicamente na primavera, no verán, no outono e no inverno, captando os cambios na intensidade da luz, buscando semellanzas na forma das nubes, contando os barcos que entran e saen da ría…
Benvidos e benvidas ao noso humilde paraíso.
Día 2: Cladonia macilenta (liques)
Se a primeira imaxe era un espazo ‘macro’ como a fermosa paisaxe que se divisa dende o ‘balcón da ría’, desta volta viramos a ollada ao territorio ‘micro’: os mini-mundos do Monte Pituco, que son tamén tan interesantes, tan humildes e á vez tan sorprendentes.
Quedamos ‘pampos’ ante un solpor ou unha gran fervenza, pero prestámoslle menos atención a unha pedriña, pásanos desapercibido un pequeno fungo ou bastante facemos con ver onde poñemos o pé para non esmagar un escarabello. Por iso traemos a este ‘escaparate’ uns liques que madraban enriba dunha pedra.
Como xa se falou da falta de especialización en materia de flora e fauna, fíxose o de sempre: buscar, ler e/ou preguntar. Foi Miguel A. Fernández quen nos puxo na pista da “Cladonia Macilenta”, que prolifera en ambientes húmidos e que resalta sobre o verdor dos brións pola intensa cor vermella dos seus apotecios. Con achegas como a súa fomos construíndo un álbum de “Estampas de natureza” que se pode atopar nesta ligazón: http://on.fb.me/1Tg7p8k
Estampas que conforman un #challengeonnaturephotography en si mesmo e das que aínda queda moita información por descubrir e procesar.
Día 3: Zyganea (insectos)
Unha das conclusións ás que chegamos sumando máis e máis visitas ao monte é que sempre convén levar enriba unha cámara de fotos, aínda que sexa a do móbil. E unha batería de recambio!
A cantidade de veces que quedamos ‘tirados’ sen poder gardar -máis que na memoria- unha imaxe: o paso fugaz dun paxaro, a aparición do arco da vella, un manto de néboa cubrindo a ría… En calquera recuncho atópase a sorpresa, sempre xorde algo novo por descubrir: abonda con ter os ollos ben abertos, as antenas despregadas e a curiosidade afiadiña.
Con estes exemplares de ‘zyganea’ inaugurouse a sección de ‘bichería do Monte Pituco’ no terceiro capítulo do reto #challengeonnaturephotography. Foi Antonio Costa quen nos puxo na pista deste vistoso lepidóptero.
Día 4: bolboreta do xénero Pieris
Existe a inxenua superstición de que tocar unha bolboreta dá boa sorte, cando todos sabemos que é moi perxudicial -nin sequera un leve roce- para estes insectos tan fráxiles. Así que cómpre aplicarse o disciplinario dito ‘mírase pero non se toca’, e conformarse con pulsar o botón da cámara…
Hai unhas cantas especies de bolboretas revoando polo Monte Pituco e os seus aledaños: do xénero Pieris como esta mostra, Plebejus argus, Iphiclides podalirius, Vanessa cardui, Papilio machaon…
E quen sabe de fauna invertebrada do Monte Pituco e do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é Paulo Troitiño, autor dun amplo e interesante artigo publicado no blog do Monte Pituco co título “IINVERTEBRADOS DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS“.
Día 5: Estrela de terra (Astraeus hygrometricus)
A quinta entrega do #challengeonnaturephotography ten certa ligazón co Nadal porque, se Belén ten a súa estrela, no ‘balcón da ría’ tamén se dán outro tipo de astros…
Grazas a Helena Rodríguez aprendemos a identificar a ‘estrela de terra’ (Astraeus hygrometricus). Con esta dedicatoria queremos reivindicar o papel das mulleres científicas nun mundo maioritariamente masculino; queremos lembrar a figura de Aida Fernández tralo seu tráxico pasamento en Moaña e o baleiro que deixa no Instituto de Investigacións Mariñas; queremos pór en valor as rapazas que se están formando -futuras biólogas, agrónomas, oceanógrafas, químicas…- para que non teñan que marchar de Galicia na busca de traballo e apoio financeiro para as súas investigacións…
Unha humilde ‘estrela de terra’ non é quizais o escaparate máis espectacular para representar a flora do Monte Pituco, mais ten o valor simbólico xusto para remitir ao valioso traballo de especialistas que, como Helena, se dedican a identificar e a poñer en valor fungos, plantas e flores da bisbarra do Morrazo.
Día 6: Casulo de barbantesa (Mantis relixiosa)
Nestas datas entre o outono e o inverno é habitual atopar casulos de barbantesa (Mantis relixiosa) que conteñen os ovos (de 200 a 300 en cada posta) depositados por este insecto aló polo mes de outubro. Fixándose ben é posible observar, entre a herba, estas ‘ootecas’, denominadas tamén rumeallos.
Atribúenselles poderes curativos, tanto para sandar a tos como para curar os animais rumiantes cando deixan de remoer. Tamén existe a crenza de que estas secrecións das mantis son un amuleto con propiedades afrodisíacas e contra o mal de ollo.
A presenza das mantis no Monte Pituco -a imaxe seguinte da barbantesa é de setembro- é moi habitual no periodo que vai da primavera ao verán e, como todo o mundo debería saber, resultan beneficiosas para os agricultores porque a súa dieta inclúe certos insectos que atacan os cultivos.
Día 7: Saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica)
Remata a modesta contribución de Salvemos o Monte Pituco (Pornedo) ao reto #challengeonnaturephotography da man -nunca mellor dito- de quen tan amablemente nos convidou a amosar algunhas curiosidades deste espazo natural, das súas paisaxes e da súa biodiversidade.
Lamentablemente quedaron no tinteiro moitas imaxes fermosas, como os marabillosos solpores encarnados e outonais dende o ‘balcón da ría’… Como tamén quedaron atrás aves interesantes, dende a avenoiteira ata o miñato ou o chasco. Pero se algún broche de ouro había que pór neste colofón, tiña que ser coa saramaganta ou píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), que descubrimos hai uns anos grazas a Juan Carlos Epifanio.
Temos a sorte de que esta xoia do patrimonio natural galego habite no Pituco. Nin máis nin menos que unha especie endémica e “vulnerable”, incluída no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”. Na nosa comunidade está protexida polo Convenio de Berna e aparece reflexada no Real Decreto 439/1990, na Directiva Hábitat e na Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Naturaleza, nas súas siglas en inglés).
Non estamos frivolizando en absoluto cando alertamos que o polígono industrial proxectado no Planeamento urbanístico marinense arrasaría o habitat natural no que se reproducen e se crían estes pintorescos animais, provocando a súa desaparición irreversible desta contorna. Pola contra, houbo que soportar que a propia Administración responsable da “Conservación da natureza” negara a existencia de píntega rabilonga cun informe plagado de mentiras e irregularidades. Como tamén hai que aturar de cando en vez as voces da ‘ignorancia’ cando os pro-polígono se burlan despectivamente da ‘sabandixa’ que os priva da creación de postos de traballo, din, os moi ilusos… Mais aí está, mal que lles pese; e Galicia é o único lugar do mundo no que se conserva este exclusico vestixio prehistórico!
Deixar unha resposta